Tuesday 14 de May de 2024

O Concello informa de que as medidas para restablecer o consumo de auga están a ter un efecto positivo e pide “fuxir de alarmismos estériles”


· As sucesivas análises realizadas mostran unha clara tedencia positiva na redución dos niveis de trihalometanos, cun valor de 101,8 unidades cando a normativa establece 100 como referencia.

· Desde o goberno local aclaran que “no Concello nunca recibimos comunicación oficial da Xunta sobre a imposibilidade de utilizar a auga para cociñar ou outros usos domésticos”.

· “Non levantaremos as restricións ao consumo de auga ata estar confirmada a volta á situación normal de orixe”, destacan.

· Advirten de que “é absolutamente falso que Sanidade remitiunos un documento no que se faga referencia ou non ao fervido da mesma como medida correctora. Nin á posibilidade de cociñar ou deixar de facelo”.

O Concello de Cariño informou onte, xoves 8 de decembro, mediante un bando municipal, aos veciños e veciñas do municipio das novidades sobre a actual restrición do uso da auga da rede de abastecemento nas parroquias de Cariño e A Pedra.

No texto explícase que as medidas correctoras adoptadas para reducir os niveis de trihalometanos, detectados polas analíticas municipais o pasado 25 de novembro e orixinados pola presenza dunha elevada cantidade de materia orgánica de orixe vexetal, están a ter efecto, mostrando unha clara tendencia positiva ao alcanzar a última proba un valor de 101,8 unidades cando a normativa establece 100 como referencia.

Desde o Concello remarcan que “aínda así, non levantaremos as restricións ao consumo de auga ata estar confirmada a volta á situación normal de orixe” e avisan de que “seguiremos traballando desde a sensatez, a calma e o sentido común, fuxindo de alarmismos estériles”.
Ademais, no bando o goberno local aclara que “no Concello nunca se recibiu comunicación oficial algunha por parte da Xunta sobre a imposibilidade de utilizar auga para cociñar ou outros usos domésticos diferentes que non teñan que ver coa inxesta directa, tal e como foi reflectido no bando municipal publicado o 25 de novembro”.

“Sorprende atoparse nas redes sociais un documento interno da propia Xunta de Galicia no que se fan aclaracións entre traballadores públicos sobre o uso ou non da auga para o consumo en Cariño e A Pedra, explicacións que nunca recibiu este Concello polo que entendemos que, ou ben son falsas, ou carecen de validez oficial”, engaden.

Incidencia cos valores de níquel

Doutra banda, no bando infórmase os veciños e veciñas do municipio de que, con data de 8 de novembro de 2022, o departamento de Sanidade da Xunta realiza un Cariño unha analítica na que detecta un valor de níquel máis elevado do usual: 33 ug/l sendo o valor de referencia 20 ug/l. “Ningunha proba previa efectuada pola Xunta ou polo Concello deu ese nivel de niquel”, afirman.

“Chama a atención que a Xunta de Galicia comunicase ao Concello esa incidencia o día 28 de novembro de 2022, é dicir, vinte días despois de tomarse a mostra e tres días despois de que o Concello avisase á poboación sobre a non inxesta de auga”, sinalan no texto, especificando que “o propio 28 de novembro o Concello tomou mostras específicas de níquel, o que se repite o 1 de decembro, e este martes, 7 de decembro, recibiuse comunicación verbal de que o níquel da última mostra é de 22 ug/l, unha cifra notablemente mellor e moi próxima ao valor óptimo”.

Por último, desde o Concello advirten de que “é absolutamente falso que Sanidade remitiunos un documento no que se faga referencia ou non ao fervido da mesma como medida correctora. Nin á posibilidade de cociñar ou deixar de facelo”.